Friday 03 de May de 2024

A Xunta adxudica máis de 2.000m2 de solo industrial no Polígono de Touro cunha bonificación de 26.4000€


— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver o concurso de venta convocado este ano polo IGVS e que tamén permitiu adxudicar solo nos concellos de Bóveda, Quiroga, Taboada, Xermade, O Barco de Valdeorras e Verín

— En global adquiríronse un total de 22 parcelas que suman máis de 25.000 m2

A Xunta adxudicou un total de 2.122 m2 de solo industrial no polígono de Touro, cunha bonificación global de 26.397 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de publicar a resolución pola que se resolve o concurso de venda de solo industrial convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo este mesmo ano.

No polígono de Touro adquiríronse tres parcelas das 22 adxudicadas no concurso —localizadas en sete parques empresariais de titularidade do IGVS— que suman unha superficie de 26.547 m2.

Os empresarios, aos que lles foi adxudicado esta superficie, beneficiáronse da política de incentivos que aplica a Xunta, grazas á cal adquiriron solo cunha bonificación sobre o prezo de venda. No seu conxunto, este solo foi adxudicado por un importe total de 731.179 euros, tras aplicarlle un desconto que ascende a 665.000 euros.

As parcelas adxudicadas son as seguintes:

 

PROVINCIA DA CORUÑA

(3 parcelas / 2.122 m2)

Parque Parcelas M2 Prezo Bonificación
Touro 3 2.122 71.499 € 26.397,39 €
PROVINCIA DE LUGO

(15 parcelas / 14.874 m2)

Quiroga. Fase D 5 3.750 76.875 € 76.875,50  €
Xermade. Fase II 1 2.349 25.120 € 22.447,25 €
Bóveda. Fase II 2 1.502 16.268 € 16.263,96 €
Taboada. Fase I 7 7.272,5 256.993 € 239.757 €
PROVINCIA DE OURENSE

(4 parcelas / 9.552,34 m2)

O Barco de Valdeorras. 2-3ª fase 3 6.250 175.447 € 174.553 €
Pazos (Verín). Fase I 1 3.302,34 108.977,22 € 108.977,22 €

Mobilizar o solo
A bonificación de compra de solo é unha das medidas que o Goberno galego manterá no vindeiro exercicio, co fin de favorecer a implantación de novas firmas ou a expansión e ampliación das que xa facilitan emprego en Galicia.

Para o 2022 reserva unha partida de 7,5 millóns de euros para esta liña de acción que ten boa acollida, tal e como demostran os 2,3 millóns de metros cadrados bonificados desde a súa posta en marcha, o que permitiu aforrar 70 millóns de euros ao tecido empresarial, aos que agora se suma a superficie adxudicada neste concurso.

Ademais, tamén se prevé unha partida de 26,6 millóns de euros para impulsar actuacións co obxectivo de optimizar un mínimo dunha vintena de parques empresarias.